Saturday, December 30, 2017

A Coruña, Palas de Rei e O Grove acollen hoxe e mañá as charlas de ‘Toponimízate’

Xunta de Galicia

O novo programa da Rede de Dinamización Lingüística, que chega aos concellos da man de persoal técnico especialista para poñer en valor a microtoponimia, enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad


O novo programa ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chega hoxe á Coruña e mañá, xoves 28, a Palas de Rei e mais ao Grove. A derradeira charla desta quenda de encontros, en Viveiro, completará nos vindeiros días o paso previsto por 15 concellos co obxectivo de poñer en valor a microtoponimia e de concienciar sobre a importancia e necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial, da man de persoal técnico especializado.
A acción de promoción do uso da lingua galega desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e Geoarpad -coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza- coa colaboración da Amtega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e toma como base a toponimia de Galicia, disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar e que constitúe un aspecto fundamental patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.
Desde o pasado 30 de novembro chegou a Ourense, Lousame, Arteixo, Boqueixón, O Carballiño, Melide, Cangas, Sober, Vedra, Outes e Silleda por medio de conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, centradas na toponimia galega (motivos da abundancia de nomes de lugar no país, toponimia galega como patrimonio inmaterial etc.) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas, como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos, utilidades desta ferramenta etc.).
Nelas presentouse ademais, no caso daqueles concellos que teñen aínda sen recoller a súa microtoponimia (nomes de leiras, camiños, fontes, penedos etc.) a nova aplicación tecnolóxica que lle permitirá á veciñanza colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos como as lendas asociadas a eles, de xeito que tamén poida colaborar na salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o orgullo de todos os galegos e galegas.
A información e o calendario de sesións están accesibles desde o Portal da Lingua Galega e a Axenda de Cultura de Galicia.

No comments:

Post a Comment